Friday 03 de May de 2024

O concello mellora os parques infantís en Carreira, Sirves e Artes e instala dous parques de barras na cidade de Riveira


O investimento destas actuacións ronda os 40.000 euros

O municipio riveirense está sendo escenario dun conxunto de actuacións dirixidas, por un lado, a mellorar os parques infantís situados en tres parroquias (Pé do Corniño, en Carreira; Sirves, en Olveira; e Artes, no centro escolar) e, por outro, a instalar dous novos parques de Barras na cidade (en Coroso e no parque de Pedra Pateira).

A contía destas actuacións ronda os 40.000 euros: 19.998 euros no caso dos parques infantís e 19.801 euros nos parques de barras.

Polo que respecta ás áreas para os pequenos, estanse a instalar un rocódromo e un xogo de balancín en Pé do Corniño; un equipo combinado e un columpio dobre en Sirves; e un equipo combinado en Artes, entre outros elementos. No que se refire aos parques de barras, ambos levarán os mesmos elementos: barra fixa, anillas, barra de equilibrio, paralela, espaldeira, banco dobre de abdominais, elíptica e barras paralelas.

Cómpre lembrar que están pendentes de adxudicación outros dous parques infantís, correspondentes á nova zona de ocio de punta do Castro e mellora do da Ameixida, cun prezo de licitación total superior aos 61.000 euros.